Imprès des de Indymedia Barcelona : https://barcelona.indymedia.org/
Independent Media Center
Anunci :: sense clasificar
Xornada de reflexión e debate sobre a comunidade galega en Catalunya
19 abr 2005
Como galegos e galegas residentes en Catalunya, compartimos un conxunto de valores e principios comúns que non sempre foron explicitados e debatidos colectivamente. É por iso que é oportuno abrir un debate aberto sobre estes valores e, a partir deles, pensar na posibilidade de encetar un proxecto comunitario.

Con esta idea, estades convidados e convidadas a participar nunha xornada de discusión e posta en común que terá lugar o vindeiro 30 de abril, ás 16.30 h, no Museu Marítim de Barcelona (Entrada por Av. Drassanes).
DOCUMENTO DE TRABALLO

Na última década temos asistido a toda unha serie de cambios na comunidade galega de Barcelona expresados na aparición dun amplo conxunto de colectivos. As dinámicas particulares contrastan coa falta de esforzos de converxencia, o que supón unha considerable mingua do seu potencial de proxección.

A base da presente iniciativa é propiciar un profundo debate en torno á realidade política, social e cultural da galeguidade de Catalunya, co obxectivo último de impulsar un proxecto colectivo que se converta en referente, a medio e longo prazo, dunha parte importante desa realidade.

Sondar a posibilidade de constituír unha nova organización social, cultural e política, que contribúa a dar resposta a moitas das novas necesidades e expectativas que demanda un conxunto cada vez máis amplo da comunidade galego-catalá; e que sexa capaz de visibilizarse e estruturarse coma un grupo de acción e creación dun novo espazo con presenza no ámbito galego de Barcelona.

Non se trata de substituír as propostas asociativas presentes na actualidade senón de aproveitar as oportunidades que podería ofrecer a conxunción do traballo autónomo deses grupos con aquel outro resultado de harmonizar as distintas forzas existentes. Tampouco de presentarse coma un proxecto alternativo de substitución, senón coma a expresión dunhas novas inquedanzas.

Trátase de promover a confluencia das diferentes sensibilidades e estratexias (que encarnan tanto grupos coma persoas) na construción dunha colectividade baseada nun conxunto de valores e principios ideolóxicos compartidos. De concentrar os esforzos na creación de sinerxías, como camiño para converterse nunha organización de referencia do mundo galego de Barcelona e de Catalunya.

Este bosquexo que agora presentamos foi elaborado co obxectivo de axilizar o debate e concrétase nunha proposta organizativa e ideolóxica, a máis dun exemplo de programa de iniciativas que se poderían levar a cabo durante o ano 2005. Será sometido a un amplo proceso de discusión pública, que concluirá coa convocatoria o vindeiro 30 de abril, no Museu Marítim de Barcelona, dunha xornada de reflexión e posta en común, onde se estudará a posibilidade de constituír unha nova organización.


I Proposta ideolóxica

O seguinte conxunto de valores e principios ideolóxicos teñen por obxectivo fundamentar o proxecto de colectividade proposto. Estes principios mínimos constituirían a base da construción dun referente sobre o cal articular as diferentes accións. Deles xurdirían os principais obxectivos e funcións da nova organización cultural, social e política.

-Aposta por unha cultura do espazo colectivo. Crear un espazo común, de acción e de creación colectivas, que permita a promoción da cidadanía consciente do valor do colectivo e do sentimento de comunidade.

-Compromiso coa democracia participativa. Con formas de organización política, asemblearias e horizontais, que sexan abertas e participativas e estimulen o traballo colectivo. Que dean protagonismo ó individuo e ó mesmo tempo faciliten a toma de decisións en grupo.

-Compromiso coa identidade galega. Coa súa reinterpretación en termos creativos e dinamizadores.

-Compromiso social e político. Organización colectiva galega comprometida coa análise crítica e construtiva da realidade, nun espazo de encontro libre e aberto para o debate e reflexión. Este compromiso levaría á participación activa no contexto social en distintos eidos e fomentando a transformación social e política dentro da propia comunidade.

-Compromiso coa integración colectiva en Catalunya. Coa potenciación de dinámicas de participación e interacción dentro do contexto sociocultural e político catalán.

-Aposta pola articulación de novos espazos de relación coa Galiza. Que posibiliten, entre outras cousas, artellar redes de comunicación e de acción en coordinación con grupos ou colectivos da Galiza.

II Obxectivos

-Articular espazos de acción, creación, análise e debate colectivo.

-Establecer redes de información, acción, distribución e intercambio.

-Facilitar recursos que contribúan a participación activa e o acceso libre e horizontal a información por parte dos membros da comunidade.

-Visibilizar o proxecto de colectividade nas súas esferas política, social e cultural.

-Visibilizar a identidade galega en termos de dinamicidade e creatividade, fomentando a cultura galega nas súas diferentes manifestacións.

-Participar activamente nos procesos sociais e políticos que teñan lugar en Catalunya.

-Crear espazos de diagnóstico e reflexión colectiva sobre a comunidade galega de Catalunya.

-Achegar as realidades sociais, políticas e culturais de Galiza e Catalunya respectivamente.

-Crear canles de relación con grupos e colectivos de Galiza e Catalunya.

-Converterse en punto de referencia para grupos e/ou individuos galegos que actúan nas mesmas coordenadas que nós ou non e para toda a nova emigración en termos utilitarios.
Mira també:
http://geo.ya.com/xornadagalcat/

This work is in the public domain
Sindicato Sindicat