Imprès des de Indymedia Barcelona : http://barcelona.indymedia.org/
Independent Media Center
Notícies :: fòrum 2004
Tots fotuts
08 mai 2004
Aí ven o Fórum das Culturas. Haberá quen estea a favor ou en contra, de momento xa houbo 750.000 fulanos que pasaron por caixa para comprar a súa entrada. Non como aquí que como o Xacobeo por riba de ser espectacular é de gañote, coma sempre teremos que calcular a ollo. Os convocantes din que van vir seis millóns e teremos que fiarnos, mentres agardamos a ver qué din as fontes policiais.
Unha razón para estar a favor do Fórum xa nos vén imposta: a manía personal que lle ten Pérez Varela, que como saben puxo o grito okupa no ceo e chamoulle "operación especulativa para facer edificios de luxo e de recreo". Non está mal a operación tendo en conta que calquera dos concertos do Xacobeo "cagha polo forum do carallo sen mil veses", non dito con estas palabras pero pensado con outras peores, ben seguro.

Unha para estar en contra é a dos patrocinadores, eses que xa quixera Pérez Varela para si. Digo, para o Xacobeo. Os do non, que alí tamén os hai e xa rebautizaron o evento como Fotut 2004 ("fodido", políglotas) protestan porque teñan que ser as multinacionais as que nos financien a cultura. As que solten a viruta que seica se precisa para defender a paz, a mestizaxe e o respeito aos pobos nunha cidade na que se desokupan casas a mocazos e se deteñen inmigrantes a granel. Os antifórum concordan con Pérez Varela no da especulación, e fan ben, pero que queren que lles diga… que todas as queixas aquí fosen como as do antifórum.

Realmente o Fórum e o Xacobeo non son tan distintos. O primeiro é unha gran feira de mostras, como as que se fan na nosa terriña, pero en vez de maquinaria agrícola o que mostran é buen rollito cultural. A diferencia? Que aquí as feiras séguense dedicando á maquinaria ou á artesanía, pero quen financia é Saprogal ou Toldos Gómez, que aínda por riba regalan unhas viseiras ben chulas e, anque non se lles poida chamar propiamente comercio xusto, tampouco lles imos botar a culpa da explotación infantil, que no noso país existiu de moito antes.

Avisada como estou de que o Xacobeo "non é unha feira", atrévome a seguir comparando: se en Barcelona se especula con solares para edificios de luxo, aquí facémolo con leiras que axiña serán solo industrial. Alá vaise falar de neoliberalismo, dos retos da globalización, do choque de culturas… Aquí, entre outras cousas paveras que poden ver no programa oficial, o Xacobeo inclúe o XXI Congreso Español do Café (aprecien que xa houbo outros 20 antes) e o Congreso Internacional de Radioafeccionados. Por aló aparecerán próceres mundiais como Saramago, Gorbachov, Felipe González e outra xente desa que escribe en El País; e aquí como moito veu Ronaldinho tronzar as vidreiras da catedral. Por non falar dos "persoeiros" tipo Davi Bobi ou Bo Dilan, que, xa o dixo o conselleiro, a Barcelona vai de cabeza de cartel "e aquí de teloneiro". Como se teñen que pechar o concerto os Heredeiros da Crus. Por unha vez apláudolle a chulería, don Jesús.

En fin, non sigo por non deprimilos máis. Agora digan, quen está máis fotut?

This work is in the public domain
Sindicato Sindicat