Imprès des de Indymedia Barcelona : http://barcelona.indymedia.org/
Independent Media Center

Warning: error_log(/srv/www/indymedia.org/barcelona/site.tree/private/log/dadaphp.log): failed to open stream: S’ha denegat el permís in /srv/www/indymedia.org/barcelona/site.tree/public/imc_classes/imc_FunctionLibrary.inc on line 494

Warning: error_log(/srv/www/indymedia.org/barcelona/site.tree/private/log/dadaphp.log): failed to open stream: S’ha denegat el permís in /srv/www/indymedia.org/barcelona/site.tree/public/imc_classes/imc_FunctionLibrary.inc on line 494
Anàlisi :: pobles i cultures vs poder i estats
Internacional: A FPG perante o rexime autonómico e a proposta dun novo estatuto
23 mar 2006
A primeira consideración é a de que necesidade temos dun novo Estatuto de Autonomía. O que nos leva a formular tamén a pregunta leninista de que facer fronte á proposta de Estatuto que fai o BNG (ou sexa, o nacionalismo con representación parlamentaria.)
A FPG PERANTE O RÉXIME AUTONÓMICO
E A PROPOSTA DUN NOVO ESTATUTO

A primeira consideración é a de que necesidade temos dun novo Estatuto de Autonomía. O que nos leva a formular tamén a pregunta leninista de que facer fronte á proposta de Estatuto que fai o BNG (ou sexa, o nacionalismo con representación parlamentaria.)

Dentro da legalidade vixente, os estatutos de autonomía son "cartas outorgadas", isto é: regulamentacións que afectan ao goberno local das que foron definidas na Reforma política como Comunidades Autónomas, permitidas polo Estado español.

Nós, no seu día (1976), propuxemos algo diferente: As "Bases Constitucionais prá participación da Nación Galega nun Pacto Federal, e de Goberno Provisorio" e mais as "Medidas Económicas prá un Programa de Goberno Provisorio Galego". Aquel proxecto pretendía que na nación galega se abrise un proceso constituínte que culminaría nunha propia ordenación xurídica emanada do Pobo, a cal estaría adherida ao Estado español só desde a vontade libre dos galegos e das galegas, e así pactaría con España.

En lugar diso, Galicia recibiu, desde o poder español cifrado na Constitución, un Estatuto de Autonomía coa consideración de "nacionalidade histórica". Nin Cataluña nin Galicia (algo especial no económico si que foi Euskadi) se viron tratadas de forma diferente ás comunidades autónomas non nacionais que tamén se crearon coa fin de diluírnos nunha categoría na que se incluía La Rioja, Murcia e mesmo Madrid.

Nós sostemos: no intre actual, calquera reforma do Estatuto galego ten que ser feita desde a legalidade vixente e o noso Pobo sigue sen ter recoñecido poder soberano para dotarse dunha Constitución propia, aínda sendo esta asociada ao Estado español ou membro deste.

Entendemos que focar a atención principal do Pobo galego na reforma do actual Estatuto constitúe unha manobra de entretemento que nos desvía do obxectivo principal, que é o da Autodeterminación.

Moi ladinamente pretende o BNG que nos centremos na defensa da definición de Galicia como nación, cando o realmente trascendente é o recoñecemento do dereito de Galicia á súa Autodeterminación, como reclamabamos xa en 1981, BNG incluído. Evidénciase así a tremenda involución política que sufrimos en Galicia na materia que nos ocupa.

Pensamos que nas circunstancias actuais, en lugar de fixar a opinión na elaboración dun novo Estatuto que non modificaría nada respecto ao anterior, o traballo prioritario sería o de levar a cabo as reformas posibles e as medidas políticas que a FPG reclama na BURGA - Batería de 16 Urxencias para a Rexeneración de Galicia, ( ver www.frentepopulargalega.org ), e aínda outras. As reformas posibles da BURGA suporían un avance no camiño da apropiación do poder por parte do noso Pobo e prepararían a sociedade e o marco administrativo e as institucións para dar un paso adiante de cara á configuración dunha correlación de forzas diferente, máis favorable ao avance do proceso de emancipación nacional e social. As medidas da BURGA, por unha banda, son posibles e, por outra, de facérense efectivas, favorecerían o deseño e posta en execución dun camiño á autodeterminación, á independencia e a unha sociedade socialista. As medidas da BURGA entran nun plan de "reformas revolucionarias" (V. I. Lenin): reformas posibles na sociedade capitalista (e, no noso caso, opresora de Galicia) que, de seren postas en práctica favorecerían os obxectivos de emancipación nacional e social creando outro marco histórico. Eis polo que temos que esixirlle ao Goberno os puntos da BURGA, aínda sabendo que ou non os van pór en práctica, ou o van facer mal e insuficientemente.

Centrar todo o esforzo alternativo do nacionalismo galego en reformar o Estatuto é adiar, sine día, as reformas revolucionarias e manter un clima de liquidación nacional de xeito indefinido, perdendo o noso Pobo cada día que pasa. Traballará, pois, a FPG por desmitificar calquera proposta autonómica como panacea e denunciará o Estatuto proposto polo BNG como insuficiente, incompleto, innecesario e tecnicamente deficitario.

Cómpre insistir; fronte á reforma do Estatuto: BURGA, reformas posibles dentro das atribucións do goberno autónomo, e precisamente agora que está nas mans da coalición PSOE-BNG. Non se trata de agardar sentados pola Autodeterminación, senón de sinalar cales son as canles correctas que, dentro do posible, nos poderán achegar aos nosos obxectivos. O novo Estatuto do BNG é un ichó no que non debemos permitir que caian nada máis que aqueles xa predispostos a ser cazados e enganados. Como di o conselleiro Méndez Romeu: "A revisión galega, para ben ou para mal, quedou discutida na reforma catalá, que xa marcou os límites e canalizou o debate para toda España". Iso si, esixiu que o Estatuto de Galicia "non teña unha coma menos" que o de Cataluña, e aclarou que "todos os problemas posibles xa se propuxeron alí e os teitos máximos xa están coutados".

Rexeitariamos nós a proposta, por parte do BNG ou de quen fose, dun novo Estatuto se este fose de nivel máximo no social e no nacional para que lle servise ás masas de revulsivo e de programa de aspiracións colectivas e como instrumento político de converxencia do nacionalismo e da esquerda aínda que logo fose derrotada no Parlamentiño? Posiblemente si, aceptariámola tacticamente, pois marcaría un fito histórico ao que habería de referirse toda unha época e que tería que ter en conta toda política nacionalista e de esquerda no futuro. Pero este non é o caso.

Dadas as circunstancias, o BNG facturou un Estatuto que, previamente, está destinado a consumo interno do propio Bloque e a ser aceptado polo PSOE coas modificacións que o PSOE determine, que son mínimas, e aínda poden pasar pola esquerda e, sobre todo pola precisión técnica, ao do BNG. En todo caso, a porcentaxe que se precisa para ser aprobado no Parlamentiño esixe a aquiescencia do PP que, entendemos nós, só se mobilizaría frontalmente contra o proxecto na definición de Galicia como Nación.

E non esquenzamos que o Estatuto de 1981 hoxe vixente define Galicia como "nacionalidade histórica", o que non ofrece grandes diferencias de significado coa definición de Nación que propón o BNG.

O Estatuto actual non evitou en nada os grandes males que azoutan a patria. Seguimos sendo un país de emigración: entre 1990 e 2003 marcharon 175.000 galegas e galegos; os nosos salarios son os máis baixos do Estado, contamos coa maior precariedade laboral e non hai expectativas de cambio; o noso idioma, o galego, perde falantes e atópase en progresivo trance de desaparición; somos un país colonizado, onde as empresas que operan aquí ingresan os tributos en Madrid; unha enorme porcentaxe da enerxía producida expórtase, sen obtención de beneficios para o noso pobo.

Dirán algúns: é que nestes anos mandaba Fraga e o Partido Popular. Pois ben, que o novo goberno aplique a Batería de Urxencias que a FPG lle presenta. Ao mellor así comezamos a crer na autonomía...

Polo de pronto, ben tivemos oportunidade de contemplar o papelón das nosas autoridades na compra de accións de Unión-Fenosa por Florentino Pérez, ou na súa intervención nas negociacións das OPA´s sobre Endesa.


Sobre algúns aspectos da proposta de "novo" Estatuto do BNG.

(Facemos aquí exclusivamente a crítica da proposta de Estatuto do BNG, por ser a única presentada cando redactamos este documento.)


1. Nación. Autodeterminación.

No preámbulo defínese Galicia como Nación, pero ben pouco se bota man desta palabra (como si do seu adxectivo nacional) ao longo do texto.
Non se fala do dereito de Autodeterminación; só de autogoberno.

2. Pobo.

No canto do Estatuto de 1981, que se di fundamentado no Pobo, a noción de "pobo" é practicamente eliminada, xunto co adxectivo "popular", e substituída por vaguedades como "os cidadáns e as cidadás" e a "cidadanía". Só ten sentido falar de Cidadanía no marco dun proceso constituínte do Estado galego.

3. Idioma.

Afirma sen equívocos que o galego é a lingua (non o idioma) oficial de Galicia.
Reduce o poder normativizador da Academia Galega pretendendo que o comparta cos informes das Universidades e das "Entidades dinamizadoras" (léase a Mesa do BNG.)
Afirma que a lingua galega (non o idioma) é parte do "sistema galego-portugués", o que nega a independencia do galego.

4. Os símbolos.

Di que o Parlamento fixará os símbolos nacionais.
Non di nada de substituír o escudo católico polo que Castelao deseñara para a Galicia liberada: fouce, estrela, serea e lexenda "Denantes mortos que escravos".
Non proclama o dereito da bandeira galega a ser izada sen acompañamento nos edificios oficiais.

5. Liberdade de cultos.

Só se refire á laicidade ao falar do ensino, unha soa vez e de pasada.
Non proclama a separación dos poderes públicos galegos e das igrexas, especialmente da Igrexa católica. Non é un Estatuto de laicismo. Non proclama a liberdade de cultos.

6. Procesos electorais.

Di que toda persoa ten dereito ao "sufraxio".
Non proclama que a soberanía galega procede do Pobo, e de que este teña dereito a dotarse de leis mesmo que elas vaian en contra da Constitución española se así o desexa.
Non establece dereitos que fagan posible unha reforma democrática da actual normativa electoral, que é discriminatoria, debido á lei d´Hont, ás porcentaxes e ás circunscricións. Perpetúase o grupo parlamentario que coarta a libre intervención dos electos do Pobo.

7. Propiedade comunal.

Refírese á propiedade "comunal".
Non define, dado que é inmobilista a respecto da administración local, que entidades de dereito público exercerán a propiedade comunal nin define esta a respecto do dominio público.
Non alude á propiedade cooperativa.

8. Política económica.

Fala de "iniciativa pública" equiparándoa á "privada".
Non di nada do dereito do Pobo galego a dotarse dunha Banca Nacional, mesmo que sexa só co fin de xestionar os depósitos dos fondos dimanantes da recadación autonómica e da disponibilidade dos fondos dos salarios dos funcionarios.
Non fala dun sector nacionalizado da produción e dos servizos.
Non establece as bases dun patrimonio galego en materia de terra, inmobles e infraestruturas.

9. A financiación.

O BNG está ben lonxe do que, como nos lembra X. M. Beiras, os redactores do Estatuto de 1931, con Bóveda á cabeza, atribuían ao "Estado galego" nunha "República Federal Española": o réxime tributario, agás o imposto de aduanas.

Nada se di da Zona Franca como competencia de Galicia.

Pero tampouco imos crer xa en ningunha cousa das que o Bloque nos propón en materia de financiamento. O mesmo que ocorre co Estatut de Cataluña, Anxo Quintana e Touriño vanse conformar cunha negociación por fóra do propio Estatuto, de carácter conxuntural. Millón de euros arriba, millón abaixo, como fixo nas Cortes o deputado F. Rodríguez para que o Bloque non quedase en mal lugar apoiando os presupostos de Zapatero para 2006.

10. Iniciativa lexislativa e consulta popular.

Se ben as deputadas e os deputados son os chamados, loxicamente, a lexislar, recoñécese o dereito á iniciativa popular e ao referendo.
Non poderá, especificamente, tomarse iniciativas populares nin celebrarse referendos que non se cingan ao marco español imposto ou, como di o Estatuto, a materias de ámbito competencial galego.
A iniciativa popular ou a petición de referendo deberá ser reclamada por un mínimo do 5% dos electores, o cal sitúa a posibilidade de control político alternativo nun número de persoas moi alto. O que acentúa o déficit democrático do Estatuto que se propón.

11. Sumisión do goberno galego á Monarquía española.

Declara que o presidente do goberno galego (nesta proposta de Estatuto elimínase a palabra Xunta) será elixido polo Parlamento galego e nomeado polo Xefe de Estado, isto é: polo Rei que, á súa vez, foi nomeado por Franco.
A cadea de ilexitimidade histórica non se racha.

12. Funcionariado público.

Dise que o recrutamento dos funcionarios será en función dos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Non di quen vai executar os recrutamentos nin se institúen as bases de candidatura universal, publicidade das probas e garantía de recursos dos concursos e oposicións en único réxime de turno libre que se opoñan á discrecionalidade e á arbitrariedade e nepotismo dominantes.

13. Organización territorial.

Declárase o concello e a comarca entidades locais básicas de Galicia. Dise das parroquias rurais que se regularán por lei.
Non se fala da supresión das provincias e das deputacións.
Respecto da parroquia, non se ten en conta a súa regulación na actual lei galega e na actual posibilidade de ser postas en vigor.
Desprézase a posibilidade da fundamentación dun réxime local igual que o portugués, no que a Xunta de Freguesía (urbana e rural) sexa o escalón intermedio entre a Cámara municipal e o pobo, segundo toda a tradición vixente no nacionalismo desde 1918 até que o BNG lle virou as costas.

14. Galicia Exterior.

Establécese que poderán incorporarse a Galicia os "concellos" limítrofes de características galegas.
Alén de relegarse a unha disposición transitoria este importante apartado, que ía á cabeza do Estatuto de 1936, cométese o erro grave de limitar a posibilidade de incorporación aos concellos limítrofes, cando a maioría dos concellos galegófonos de Asturias, León e Zamora non linda coas actuais provincias galegas. Así, Castropol ou Lubián poderían incorporarse a Galicia por seren limítrofes, pero non así Tapia de Casarego ou Cacabelos.

15. Estilo.

Inda máis, a proposta de Estatuto do BNG está redactada cun estilo por veces pretensioso e que pode alonxalo da comprensión do pobo. Expresións como "transversalidade de xénero" poden resultar pedantes e máis propias dun texto de pedagoxía da reforma educativa ca dun texto estatutario; pero outras, como "principio de precaución", poden resultar opacas para calisquera home ou muller agás os redactores do BNG.
A alusión constante aos "principios" en lugar de formular artigos que plasmen eses principios, sitúan a redacción nunha fase previa que pode ser académica, pro que dista moito de convertirse na formulación lapidaria que a enunciación de cada elemento dun texto constitucional esixe.


A FPG comprométese a difundir estas ideas e esta crítica, e outras concomitantes, por todos os medios posibles, e a fomentar un espírito de insatisfacción xeneralizada a respecto da proposta de Estatuto do BNG e de calisquera outro que impida as reformas posibles, e distraia dos obxectivos que para este goberno de aquí e de agora enumeramos na BURGA.



En Galicia, a 3 de marzo de 2006

A Dirección Nacional da FPG - Frente Popular Galega




Caixa dos correios:: info ARROBA frentepopulargalega.org
WWW:: http://www.frentepopulargalega.org

This work is in the public domain
Sindicato Sindicat